Monday 29 de April de 2024

A Xunta convocará axudas por máis de 28 M€ para fomentar a construcción de vivendas en alugueiro


Haberá incentivos para impulsar novas promocións residenciais en solo público e tamén para o fomento de aloxamentos temporais, cohousing ou vivendas interxeneracionais, así como de inmobles destinados a persoas maiores ou con algunha discapacidade

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, mantivo esta mañá unha reunión co presidente de Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios da Coruña (Aproinco), Ángel Jove, acompañado do secretario da asociación e de empresarios promotores de vivendas para alugueiro na que se trataron diversos aspectos das axudas que a Xunta vai convocar destinadas á construción de vivendas para alugueiro.

Por un lado, o director xeral explicou as axudas destinadas á construción de vivendas en alugueiro sobre solo público, que poderán ser promovidas por promotores públicos, concellos e privados e deberán destinarse a alugueiro por un prazo mínimo de 50 anos. As vivendas deberán construírse sobre solo público tanto propiedade da Xunta como doutras administracións, por exemplo, parcelas de titularidade municipal.

A convocatoria destas subvencións publicarase proximamente e estará dotada con 16,12 millóns de euros financiados con fondos europeos.

Ademais, tamén se falou de dous programas novidosos incluídos no Plan para o acceso á vivenda 2022-2025 e que poden resultar de interese para o sector: as axudas para o de fomento de aloxamentos temporais, tipo cohousing, vivendas interxeneracionais e modalidades similares, e as subvencións para fomento de vivendas para persoas maiores ou persoas con discapacidade. Ambas liñas de axudas tamén se convocarán proximamente, cunha dotación total de 12,3 millóns de euros.

Por último, na xuntanza abordaron outros aspectos relacionados coa promoción de vivendas destinadas a alugueiro, como as rendas aplicables ou a tramitación das axudas que se van convocar. Ademais, acordouse a celebración dunha nova xuntanza para analizar as suxestións que van a presentar os promotores inmobiliarios.